Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.
BASES:
- Poderán concorrer ao Certame todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
- As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
- Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
- O PREMIO constará dun diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. A tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato da edición.
- O premio poderá quedar deserto se a calidade das obras presentadas non é a axeitada segundo o criterio do xurado.
- O PRAZO de presentación de orixinais comeza o remata o 1 de abril de 2018.
- O ENVÍO das obras farase a través de correo electrónico ies.ribeira.louro@edu.xunta.es, especificando no asunto do envío “Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño”. Enviaranse dous arquivos: un coa obra (con título e lema) e outro coa plica (no que constará o nome e apelidos do autor, lema, título e breve sinopse da obra, teléfono e email).
- O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia que prestarán especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
- As obras gañadoras daranse a coñecer no mes de xuño de 2018 e farase un acto de entrega de diplomas, nun lugar que se convirá a tal efecto, na última semana dese mes.
- Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
- O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.
Podes descargar as bases ao completo aquí.