Chega ás librarías É a lúa que baila… un novo libro de María Victoria Moreno

Categoría: Nova

Estes días chega ás librarías un volume singular e ata o de agora inédito da obra de María Victoria Moreno: É a lúa que baila… María Victoria Moreno e a lírica dos seis poemas de Federico García Lorca, publicado pola Editorial Galaxia en colaboración co Consorcio de Santiago.
Este novo libro ten como protagonista a faceta filolóxica, lectora e investigadora de María Victoria Moreno, e está presidido por “«Danza da lúa en Santiago». Suxerencias para unha aproximación a Federico García Lorca, poeta galego”, un estudo publicado orixinalmente no ano 1985 na revista madrileña de estudos galegos Madrygal. Neste artigo, María Victoria Moreno achégase á obra do poeta andaluz dende a perspectiva de quen, décadas despois, escolleu tamén o galego como lingua creativa e, no seu caso, vital. Un texto raro e pouco coñecido que volve saír á luz agora con ocasión das reedicións en torno á obra da escritora cacereña.
O volume, de feitura rexia, e un deseño moderno na cuberta e no interior, inclúe tamén os Seis poemas galegos de Federico García Lorca, un anexo con comentarios de María Victoria Moreno á “Cantiga do neno da tenda” e un minucioso estudo introdutorio da man do académico e profesor Xesús Alonso Montero, que se sitúa xa como unha referencia no estudo da escrita de María Victoria Moreno.
En definitiva, unha achega bibliográfica e documental que nos descubre unha nova faceta da muller homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2018. Para non perder!

Comparte nas túas redes sociais ou por email