Homenaxe a Franco Grande en Tomiño

Categoría: Nova

O Concello de Tomiño honrará o vindeiro sábado 14 de xaneiro ás 12h00 no auditorio de Goián a senlleira traxectoria cultural do Fillo Predilecto de Tomiño, Xose Luis Franco Grande. Con este acto o goberno local tomiñés recoñece o importante papel deste intelectual no mundo cultural galego e a difusión da súa terra sempre presente, Tebra.
Xose Luis Franco Grande naceu en Tebra no 1936. A súa infancia en terras tomiñesas fomenta a que a posteriori será a súa pegada do rural na súa obra. Tebra sempre estará presente, podemos rastrexala no seu best-seller no que diccionarios se refire: O Diccionario Galego-Castelán da editorial Galaxia de 1968.
Franco Grande pertence a Xeración Galaxia, a ese grupo de mozos e mozas forxados xa na universidade compostelá que continúa a labor da Xeración Nós regalegalizando a cultura do país. Franco Grande destacará no plano literario como obras como o libro de poemas Entre o si e o non e como dinamizador cultural e político dende a revista Grial e a Revista de Economía de Galicia.
O vindeiro sábado, pois, amigos e amigas, familiares, veciños e veciñas queren rendirlle un merecido homenaxe na súa terra natal: Tomiño. Este acto denotará sen dúbida o aprecio cara este intelectual que en todo o que fai demostra o seu apego a terra. Á cita acudirán numerosos nomes coñecidos. D. Xose Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, D. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, D. Teresa Conde-Pumpido presidenta do Consello Consultivo de Galicia, D. Luis Manuel García Mañá, xefe superior da Policía de Galicia, D. Carlos Varela García, fiscal Superior de Galicia, D. Xose Manuel Beiras, membros da fundación Penzol, do Museo do Pobo Galego, da IGADI, etc asisitirán a un dos días máis memorables sen dúbida do galeguista tomiñés Xose Luis Franco Grande.
A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, mostra a súa satisfacción pola "agarimo co que se ten acollido o acto de nomeamento de fillo predilecto de Tomiño ao noso ilustre veciño Xose Luis Franco Grande. Para min é unha honra poder contar no noso concello cunha figura tan importante para a cultura deste país como é el. Á pesares da súa eterna discreción, estou convencida de que o mundo da cultura galega lle recoñecen a súa laboura a prol de todo o que ten que ver coa lingua galega e sobre todo o peso que as súas accións conlevaron. É un acto de recoñecemento implícito a todos e todas qeu teñen traballado por este país".

Comparte nas túas redes sociais ou por email