A obra premiada leva por título Diario dun enterro e será publicada pola Editorial Galaxia.

Gonzalo Hermo, gaña a XIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa obra Diario dun enterro. Así o comunicou este mediodía a portavoz do xurado, Berta Dávila.

O acto do fallo tivo lugar no restaurante Árbore da Veira da Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e a portavoz do xurado, a novelista e poeta, Berta Dávila.

O xurado desta edición decantouse por esta obra pola “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. O xurado destaca o equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes.

Pola súa banda, Javier Sancho, director da refinería de Repsol, trasladou aos asistentes a satisfacción que supón celebrar unha nova edición do galardón que desde 2006 conseguiu facerse sitio e converterse nun imprescindible da creación de literatura en galego con preto de 400 obras participantes en todas as súas edicións.

Ademais, Sancho quixo agradecer o inestimable apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG).

Pechou o acto, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, quen agradeceu a aposta de Repsol por este proxecto cultural e o rigoroso traballo dos membros do xurado.

 

O Premio Narrativa Breve Repsol

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol toma a substitución para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a AELG.

O xurado estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Anxos Sumai, gañadora da II edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Así nacen as baleas; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; Euloxio Rodríguez Ruibal, académico da Real Academia Galega; Berta Dávila, gañadora do Premio Narrativa Breve 2013 pola súa obra O derradeiro libro de Emma Olsen; e Dolores Vilavedra Fernández, profesora de literatura galega na USC.

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia.

A entrega terá lugar antes de final de ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.

 

O gañador

Gonzalo Hermo, (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía galega e doutor en Lingüística. Impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela e mais na Autónoma de Barcelona.

Actualmente vive en Barcelona, onde traballa como autónomo no sector editorial e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres.

Publicou tres libros de poemas: Crac (Barbantesa, 2011); Celebración (Apiario, 2014) editado en catalán por Godall Edicions e en castelán por La Bella Varsovia; e A vida salvaxe (Pen Club Galicia, 2018).

Gañou, entre outros recoñecementos, o Premio da Crítica en 2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova “Miguel Hernández” en 2015 e o Premio de Poesía Afundación 2018.

Diario dun enterro é a súa primeira novela.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR