Fernando Redondo Neira gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Categoría: Nova

A obra Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Naturgy. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de decembro de 2018, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo, que nas primeiras décadas do s. XX, recolleron no celuloide, paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto.
O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Carme Adán, Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Chachero, María Xosé Porteiro e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, e salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Fernando Redondo Neira, nado en Camporrapado (Boqueixón), é un xornalista e investigador galego. Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Euskal Herriko Unibertsitatea e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela é tamén membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema así como da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación. En 2018 foi galardoado co Premio Manuel Reimóndez Portela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email