Antón Lopo gaña o Premio da Crítica Española por Extraordinario

Categoría: Nova

Hoxe soubemos que Extraordinario, de Antón Lopo, recibía o Premio da Crítica Española de narrativa galega. Con esta novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer, a Asociación Española da Crítica, a proposta da Asociación Galega da Crítica, premia a asombrosa eficacia narrativa de Antón Lopo, e a súa capacidade para construír personaxes que se gravan na nosa memoria en trazos indelebles, entre xogos conmovedores de ironía e humor.
En palabras da Asociación Galega da Crítica: “Extraordinario […] soborda con moito os coidados e o complexo urdido das relacións interpersoais para internarse na conformación mesma da identidade. Na obra reaparece o persoal caudal léxico do autor, o seu habitual dominio do ritmo e da sintaxe, así como un humor e ironía capaces de turbar ou conmover. A voz do narrador protagonista ofrece un retrato descarnado dalgunhas personaxes, ao tempo que estetiza parodicamente escenas do pasado. Amena e fluída, a obra referenda o oficio literario dun autor poliédrico”.
Publicado por Galaxia en novembro de 2018, e previamente galardoado co Premio de Narrativa Breve Repsol 2018, este libro que non deixou de colleitar lectoras e lectores obtén agora un dos recoñecementos de maior prestixio nas nosas letras. Parabéns!

Comparte nas túas redes sociais ou por email