Antoloxía da Literatura Galega na Feira do Libro de Buenos Aires

Categoría: Nova

A antoloxía de Jonathan Dunne continúa a súa viaxe arredor do mundo. O obxectivo da obra, editada conxuntamente por Edicións Xerais de Galicia e Editorial Galaxia, coa colaboración da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura), naceu coa intención de presentar, en galego e inglés, unha mostra da literatura galega a través da historia, dende os cancioneiros medievais no seculo XII ata a xeración inmediatamente anterior á democracia e a autonomía de Galicia (1981).

Aproveitando a Feira do Libro de Buenos Aires, Galaxia distribuíu algúns exemplares do libro entre representantes das institucións galegas na Arxentina e institucións académicas e de goberno da cidade, así como entre as primeiras autoridades da Feira. Xelasio Suárez, da Asociación Galega de Editores, Francisco López-Barxas, director xeral do Libro e Bibliotecas, e Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, realizaron as entregas, en ausencia de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, que non puido asistir á feira.

Recibiron os libros a Subsecretaría de Cultura do Goberno da Municipalidade de Buenos Aires (na primeira fotografía), a Dirección Xeral do Libro e Promoción da Lectura do mesmo goberno municipal, a dirección da Biblioteca Julio Cortázar e sección Rosalía de Castro, o presidente do Centro Galego, o Instituto Arxentino da Cultura Galega, Centro Galicia, Fundación América-Galicia, Federación de Sociedades Galegas, Museo da Emigración Galega, Unión de Asociacións Galegas da República, presidenta da Fundación Manuel Puente, coordinadora do grupo de Lectores Galegos de Buenos Aires, asociación Terzos da Fala, asociación os Gromos, Biblioteca Galega da cidade de Buenos Aires, Universide de Belgrado, Universidade Autónoma (UBA), Fundación Victoria Ocampo e Dirección de Actividades Culturais da Fundación El Libro (entidade organizadora da Feira do Libro de Buenos Aires dende hai 37 anos), entre outros.

Edicións Xerais de Galicia e Editorial Galaxia, que preparan a segunda entrega deste proxecto editorial para o ano 2012, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia distribuiron nos últimos meses arredor de 3.000 exemplares da obra en centros internacionais de hispanismo e lusofonía, asociacións e cátedras de estudos galegos, lectorados de lingua e literatura galega, axencias literarias, medios de comunicación especializados, representantes editoriais, asociacións de escritores e críticos, responsables de comunicación da Feira de Frankfurt, Salón do Libro de París, Feira de Bolonia, etc.

Fotografía: Paula Sabajanes

Comparte nas túas redes sociais ou por email