Xa están nas librerías de todo o país os dous novos álbumes ilustrados que veñen de sair do noso prelo. Por unha banda, publicamos o libro da xornalista e escritora María Solar, 'Vou ter un irmán!', ilustrado por Xosé Tomás e, por outro, o novo de Araceli Gonda, 'Area fai seis', coas ilustracións de María Noel Toledo.
Ambos os dous, festas de cor e imaxinación, afrontan de distintos xeitos o paso do tempo e as mudanzas na vida diaria dos cativos.
Así, no texto de María Solar, cun moito de humor, cóntasenos as angueiras dunha cativa cando é informada de que vai ter un irmán. O texto, retranqueiro e festivo, perfectamente acompañado pola sempre irónica ollada de Xosé Tomás, lévanos de viaxe polas ecografías, a preparación do cuarto do futuro bebé e, finalmente, ás reaccións da nena protagonista unha vez que 'o novo' fai a súa aparición no fogar.
Sen dúbida, un libro para gozar moito polos nenos e nenas mais tamén para agasallar a todas aquelas mamás que están a agardar por un novo fillo e xa teñen algún e queren ir anticipándolles, dende a festa e a ilusión, a chegada do irmán aos que xa estaban antes.
E chega tamén estes días ás tendas o novo álbum escrito por Araceli Gonda, 'Area fai seis'. María Noel Toledo encargouse, coa súa sempre espectacular técnica xa coñecida por outros traballos seus para a nosa editorial, con figuras de plastilina despois fotografadas, de poñerlle imaxes á historia de Area, simpática nena algo preocupada ao saber que seus pais deron orde a todas as amigas e amigos de que non lle merquen nada, absolutamente nada, polo seu aniversario. Ela pensa que, daquela, o mellor sería non cumprir anos. Sen embargo, o que lle está a esperar si que será un agasallo e dos grandes.
Este libro xa coñecera unha primeira versión, electrónica, nun proxecto que a Editorial Galaxia preparara para o Instituto Galego de Consumo dentro do Proxecto 'Dálle a Volta' cuxa ligazóns atoparás á dereita destas liñas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR