Xosé Antonio López Silva

Categoría: Recensión

Dicía Ortega y Gasset nas frases de apertura de Literatura europea e Idade Media Latina do humanista alemán Erns Robert Curtius, que un libro de ciencia ten que ser de ciencia, pero por enriba de todo tamén ten que ser un libro. Lembrei esa frase mentras remataba a lectura de A cociña dos Cunqueiro, de Elvira González-Seco, que foi muller de Álvaro Cunqueiro, publicado na colección "80 receitas" da editorial Galaxia. O libro de Curtius gustáballe, e moito, a Cunqueiro. Aínda hoxe é un texto esencial para entender a continuidade da tradición literaria europea dende o mundo clásico grecolatino. Se Cunqueiro apreciaba a Curtius, Elvira González-Seco gustaba de Ortega, como declara o seu fillo César Cunqueiro no prólogo deste volumen. Un paralelismo moi levado. O conxunto de receitas que conforman estas páxinas é moito máis que unha simple enumeración ou un libro de cociña. É de cociña, dende logo. Pero tamén cumple o devandito precepto orteguiano: é un libro.
Volvendo unha e outra vez a el, un dase conta de que A cociña dos Cunqueiro é moito máis ca un recetario, e non só pola intrahistoria da súa composición, posto que esas oitenta receitas pertencen a un feixe de dez cadernos escritos con agarimo e cuidadosa caligrafía ao longo de moitas décadas da vida de Elvira González-Seco. Eses dez cadernos inclúen unhas dúas mil receitas (case preferiría dicir composicións), xunto con consellos de cociña e fogar que lembran eses volumes misceláneos que adoitaban ser frecuentes noutras latitudes e que pasaban de nais a fillas e de xeración en xeración coma o Mrs Beeton's Book of Household Management, unha das biblias da cociña victoriana. A selección das receitas dos cadernos de dona Elvira e a labor editorial que realizou aquí Miguel Vila Pernas posúe a eficacia da casi invisibilidade. Miguel Vila, lembrémolo, é autor doutro magnífico libro cunqueirán de cociña e literatura publicado nesta mesma editorial, A cociña do Merlín. Detrás da edición de A cociña dos Cunqueiro hai toda unha labor de estudo e de elaboración dos pratos orientada a recuperar a calidade da propia receita e a esencia do texto, con útiles comentarios que aportan ao lector todas as armas para que disfrute non só no plano da lectura, senón no da realización práctica da receita.
Pero A cociña dos Cunqueiro fálanos máis aló dos pratos que ofrece. A través deste volume somos capaces de coñecer mellor a figura de dona Elvira, e con ela, a dunha xeración de mulleres cultas de clase media vilá ou urbana que coidaban os detalles do traballo na casa ata facer del toda unha labor de culto, que tardou en ser recoñecida e aínda está a requerir dun axeitado recoñecemento. Asemade, as receitas que dona Elvira seleccionou e escribiu fálannos tamén das influencias culturais dese ámbito social: cociña francesa e italiana conviven coa cociña galega máis tradicional. Non resulta, sen embargo, unha cociña pasada de moda, nen sequera vintage. Moitos pratos están de completa actualidade e encaixan perfectamente nunha mesa de principios do século XXI, mesmo polo uso de ingredientes daquela novedosos como a cocacola. Asemade, o feito de que moitas destas receitas estivesen copiadas no orixinal en francés ou italiano amósanos a esencial personalidade e a cultura de dona Elvira, ampla, inqueda, tradicional e intelixente, sen renunciar á peculiar seña identitaria da súa comarca natal, a Mariña lucense, mesmo na inclusión de pratos de dificilísimo acceso nesta era de internet coma o "pénjamo".
Un bo exercicio intelectual arredor de A cociña dos Cunqueiro é facer lecturas paralelas do texto; achegarse a determinadas receitas do libro de Elvira González-Seco en diálogo con certos textos cunqueiráns. O bo facer de Miguel Vila amósanos en moitos casos o camiño a seguir, como no exemplo concreto da inclusión da langosta á bordelesa, que don Álvaro tamén comentou con este xeito concreto de preparación para este crustáceo e tamén para a lamprea, leit-motiv de boa parte dos seus artigos gastronómicos e festivos. Con elo vemos como as creacións cunqueiráns e os pratos de dona Elvira fanse complementarios. Cunqueiro desenvólvese na maioría das ocasións no plano teórico, o da recreación imaxinativa da cociña. Poderíamos dicir que en certo sentido está a literaturizar a cociña a través do vencello de gastronomía e cultura a partir da imaxinación creativa. O libro de dona Elvira é eminentemente práctico, e convértese por iso mesmo nunha lectura axeitada para comparar a esencial identidade que ambos autores consiguen amosar de determinadas receitas importantes, como as da cociña mindoniense. Ler a receita da tarta de Mondoñedo e apreciar a dificultade de elaboración que transpira o texto de dona Elvira fainos apreciar, aínda máis, as propias disquisicións de don Álvaro arredor non tanto dun prato, senón de toda unha visión do mundo que él textualiza e mesmo tradicionaliza.
A cociña dos Cunqueiro revélase, pois, un libro máis poliédrico do que parece. Vivaz nas receitas escolmadas, suxerente e plenamente capacitado para achegarnos a través das súas páxinas á rica personalidade da súa autora e asemade, a unha parte do universo cunqueirán. A recreación culinaria enriquécese aínda máis polas excelentes fotografías que ilustran os pratos, obra de Soledad Felloza, e os xa citados prólogos de César Cunqueiro e Miguel Vila, que nos proporcionan abondosa información sobre as receitas, a figura de Elvira González-Seco e acerca deses cadernos nos que aos poucos foi recopilando e transcribindo durante anos a súa literatura gastronómica, tan interesante dende outro punto de vista como a de Álvaro Cunqueiro. Un agasallo gorentoso aberto a moitas posibilidades de lectura e de gozo culinario.

Comparte nas túas redes sociais ou por email