Xavier Senín presenta O alfaiate portugués en Vilagarcía

Categoría: Nova

Xavier Senín presenta en Vilagarcía o seu novo libro ás 20.00h, O alfaiate portugués. Estará acompañado polo tamén escritor Xabier P. Docampo e por Carlos Lema pola Editorial Galaxia.
Son un conxunto de relatos curtos, noventa, que contan unha realidade próxima, afincada nas paisaxes, anécdotas e tipos humanos da cultura tradicional. Un universo popular que alenta na memoria e na xeografía dos afectos. Un mundo vizoso, próximo e así e todo distante. Case descoñecido. Lobeira é o espazo narrativo de Xavier Senín, territorio máxico onde se desenvolve a meirande parte destas historias. A do alfaiate que vén das terras tramontanas de Portugal rodeado de misterio e que co mesmo misterio desaparece. A do cobrador da luz que percorre de a cabalo as parroquias e a do sancristán que dá concertos de campás e arroutadas de sineta no momento da consagración. A do organista que toca “Yesterday” na misa do Corpus. Un territorio no que fumega a cunca de chocolate das señoritas da vila. Onde perdura o recendo inesquecible do pan quente no forno e a onde seguen a chegar as cartas dos emigrados. Un mundo que está próximo, moito máis do que parece, e que asemade foxe de nós coma unha presada de auga entre os dedos.
Para a xente máis nova falamos dun mundo perdido, de cando chegaron os televisores, de cando viña o cobrador da luz, do organista da igrexa, das festas de antes… e dese mundo non hai tanto…
Mañá teredes oportunidade de escoitalo, pero tamén nesta entrevista que lle fixeron no Zigzag da Televisión de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email