“Ulises”, de James Joyce, cumpre cen anos

Categoría: Nova

Este ano celebramos o centenario de Ulises, de James Joyce, unha novela que revolucionou a literatura moderna.
Publicada en París en 1922 pola librería Shakespeare and Company, a extensa novela de James Joyce (Dublín, 1882-Zürich, 1941) desenvólvese durante un só día, o 16 de xuño de 1904, en Dublín. Joyce emprega en Ulises, á parte da corrente de consciencia, a parodia, os xogos de palabras e unha variada e ampla gama de técnicas narrativas; para contar as peripecias do seu protagonista, Leopold Bloom.
A súa influencia na literatura posterior foi indubidable, tanto no que se refire á transformación que supuxo respecto da maneira de narrar coma no repertorio de formas literarias, sen esquecer a transformación da idea de novela, na que Ulises marcou o paso do modelo decimonónico ao modelo de novela contemporánea. Está considerada unha das mellores novelas escritas no século XX, e foi todo un reto literario pola súa gran complexidade e extensión: ten 18 capítulos e case 1.000 páxinas, dependendo da edición.
Joyce tardou sete anos en escribir Ulises, que finalmente foi publicada o mesmo día no que o escritor cumpría 40 anos. A elección da data non foi casual xa que, según contaban os seus achegados, o escritor era moi supersticioso. Tanto que non quixo publicar a obra o ano anterior, en 1921, xa que a suma das cifras da como resultado 13, considerado un número de mala sorte.
Semella que estaba no certo pois, a obra, é unha creación fundamental na historia da literatura.
A Editorial Galaxia, apostando por este clásico imprescindible, publicouno en galego, traducido por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle.
Pertencente á colección de Clásicos Universais da editorial, foi premiada en diversas ocasións con galardóns como o Premio Fervenzas literarias ao Mellor Libro Traducido 2013, o Premio da AELG á Mellor Tradución 2013, Premio da Asociación de Editores como Mellor Tradución do ano 2013, Premio Irmandade do Libro 2013 á Tradución, o Premio Nacional de Tradución que outorga o Ministerio de Cultura, un dos máis altos galardóns que existen nese eido; ou o recoñecemento da Asociación de Editores de Madrid, que recolleu a obra, en 2020, como unha das mellores traducións da época, dentro dunha lista de moito nivel.
O equipo de tradutoras e tradutores traballou durante oito anos baixo a coordinación de Carlos Lema, director de edicións da Editorial Galaxia. Cando recibiron o premio, en 2014, o xurado elixiu esta tradución “por ter resolto de maneira brillante o desafío e complexidade que supón a amplia combinación de rexistros, xogos de palabras ou ateracións presentes no orixinal”.
Unha lectura imprescindible, dispoñible en galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email