Sinaturas, esta fin de semana, na Feira do Libro de Ponteareas

Categoría: Nova

Velaquí as sinaturas da Editorial Galaxia que se celebrarán, o día 12 de xullo, na Feira do Libro de Ponteareas.
20:00 h, celebrarase a Sinatura de O libro da filla, de Inma López Silva.
Un gran thiller político, intimista, sentimental e social.

Helena Sánchez é unha prestixiosa xornalista que acepta investigar o caso de Fernando, un condenado por agresión sexual á súa filla que sostén ser vítima dun complot argallado pola súa ex-muller e que desexa lavar a súa imaxe a través desa reportaxe. No proceso, sairán á luz historias ocultas que quizais é mellor non saber, movendo, a través da pescuda, a unha reflexión sobre a ética da verdade fronte á mentira e sobre a propia felicidade na vida de Helena. A investigación xornalística é, en realidade, o punto de partida para afondar nas vidas e relacións de dúas familias marcadas non só polas particulares trastendas do amor, senón tamén pola irrupción do totalitarismo e a extrema dereita do mesmo xeito calado e sutil en que se introduce na sociedade e na política do noso tempo. O libro da filla é un relato profundo e inquietante en que a autora parte dun caso real de abuso no ámbito familiar para obrigarnos a ollar de fronte o mello e o peor de nós como persoas e como sociedade. Unha novela que afonda no máis meserábel da condición humana a través dunha voz directa e desgarrada que se inmisce de modo íntimo nuns personaxes cos que é imposíbel non identificarse.

21:00 h, celebrarase a sinatura de Os anxos indecisos, de Manrique Fernández.
Os personaxes que protagonizan as historias de Os anxos indecisos están situados nos bordos, nas fronteiras, nos lindes. A dúbida e as posibilidades, reais ou fantasiosas, preséntanse para conceder ao instante das decisións unha marxe estreita con consecuencias enormes. O cotián e o sorprendente tecen a narración, con super modelos, xornalistas “de raza”, con música de Sam Cooke, romances de nenez, mocidade eterna de gata cíngara, trasnos náufragos… e violencia, baixos fondos, ilusións rotas, enfermidade, celos e a propia vida posta ao límite. Malia todo isto, en todas queda un pequeno canto á esperanza e a ilusión por unha realidade mellor…

Cada lector ou lectorá terá que decidir con que parte queda, se asume a crueza de fondo ou pervive nese soño en que os protagonistas tamén quererían vivir, cómplices da dúbida e do esquecemento.

Comparte nas túas redes sociais ou por email