Rosalía de Castro: libre e independente

Categoría: Nova

Chega estes días ás librarías de todo o país o primeiro volume dunha novidosa biografía de Rosalía de Castro asinada por María Xesús Lama, profesora de Estudos Galegos na Universitat de Barcelona e editora da obra da poeta. Este primeiro volume abrangue dende o seu nacemento ata 1863, ano da publicación de Cantares gallegos. Cun enfoque novidoso e un pulo investigador que converte a lectura nunha pescuda apaixonante na vida da autora de Follas novas, este primeiro volume repasa os feitos chave da infancia e formación de Rosalía de Castro.
Deste xeito, acompañamos a través do volume á nena curiosa que xoga no eixido dunha casa de vila, á adolescente inqueda e con soños de artista, á rapaza atrevida disposta a construír unha vida independente, á lectora febril que ferve de ideas revolucionarias, á escritora consciente do seu talento e disposta a saír á praza pública… Conformando unha imaxe de Rosalía ata o de agora inédita que nace dun traballo de rigorosa pescuda bibliográfica, un retrato poliédrico da autora lonxe dos tópicos e das sucesivas simplificacións da súa figura. Para non perder!

Comparte nas túas redes sociais ou por email