Hoxe presentamos, nunha rolda de prensa, o álbum O can e o gato, de Manuel Pombo, ilustrado por María Lires.
Acompañando o autor, estiveron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, a lingüísta Estela Seivane Llanes, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
”Se hai algo do que estou seguro é de que este libro representa para min o broche de ouro da miña traxectoria literaria: un libro de contos para nenos e escrito en galego. Síntome realizado”, afirmaba Pombo esta mañá.
”Lévome dedicado toda a vida aos nenos, como médico e ensinando na facultade de medicina as súas enfermedidades. Tratei sempre de facer o mellor posible por eles. Faltábame algo, este libro”.
Manuel Pombo e María Lires únense, en O can e o gato, para crear unha atmosfera engaiolante arredor das aventuras dun can preguiceiro e testán que é o dono da casa… mais tamén o é dos seus donos!
Unha ollada tenra sobre as relacións entre os humanos e os animais. Unha reflexión, tamén, sobre a amizade. Porque este can é preguiceiro, pero cun corazón de ouro.
Manuel Pombo (Sarria, 1943) é catedrático de Pediatría e profesor Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito literario publicou, en castelán: “Haikus de los escritores muertos” (2001), “Pomberías” (2003), “El centeno nace bajo el invierno” (2005), “Trazos sin rumbo” (2006), “Nuevas pomberías” (2008), “Cuentos propios y extraños” (2011) e “El hombre que no entendía a las mujeres” (2016).