Rolda de prensa arredor de “SÍBARIS”, en Vigo

Categoría: Nova

O mércores 27 de setembro, celebrarase, ás 12:30 h, no Elixio de Vigo, unha rolda de prensa de presentación arredor de SÍBARIS, de Domingo Villar.

No acto participarán Beatriz Lozano, viuva de Domingo Villar; Ofelia Grande de Andrés; directora de Ediciones Siruela; Toni Garrido, produtor do espectáculo teatral; Carlos Blanco, actor; Lois Blanco, director da obra; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

Haberá pinchos durante o evento. Imprescindible confirmar asistencia no seguinte correo:

comunicacion@editorialgalaxia.gal

Domingo Villar deixou preparado o libro para a súa publicación este ano. Será unha derradeira homenaxe a un dos nosos autores máis queridos.

Inma López Silva é a autora do limiar que comeza recuperando unhas conversas de whatsapp entre ela e Domingo Villar sobre a obra. O autor pedíalle que a lese e aclaraba que o único que buscaba era proporcionarlle ao público unhas horas de entretemento. E abofé que o consegue. Quen se achegue a esta obra lerá unha historia chea de retranca, sabedoría e moita comicidade arredor da literatura e as teimas dos autores. Será, sen dúbida, un acontecemento literario.

A obra estrearase en Vigo o vindeiro día 30 de setembro co actor Carlos Blanco de protagonista; e gozará dunha xira por toda Galicia.

Co fino sentido do humor que Domingo Villar destilaba, desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir. Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.

Os seguidores do creador do detective Leo Caldas accederán aquí a un Domingo Villar poliédrico que era moito máis que un construtor de tramas policiais como xa quedara demostrado no delicado “Algúns contos completos” que a Editorial Galaxia publicou en 2021 e que tanto éxito de público e crítica alcanzou. Non existen dúbidas de que con esta achega ao mundo do teatro, Domingo Villar seguirá facendo o mesmo que fixo durante a súa corta mais fecunda vida: seducir lectoras e lectores para a literatura galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email