Manuel Lugrís Freire. Do texto ao escenario

Manuel F. Vieites

O presente volume analiza as achegas de Manuel Lugrís Freire no contexto de transformación e formulación de proxectos para a construción ou reconstrución da vida escénica, nun momento en que o sistema teatral en toda Europa estaba sometido a fondos cambios e verdadeiras revolucións.

Mais a análise non se limita ao estudo do contexto dramático e teatral, en Galicia ou en Europa, tamén se propón unha lectura en clave actual dos textos de Lugrís. Faise o camiño que leva da páxina impresa ao escenario, que se concreta na creación de espectáculos, analizando os procesos que facilitan que en calquera tempo e lugar un grupo de persoas poidan crear un espectáculo, finalidade para a que os textos de Lugrís, hoxe coma onte, poden ser un excelente pretexto.

Elaborado desde a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, o volume tamén quere ser unha homenaxe desa institución á figura de Lugrís Freire e unha defensa da nosa memoria histórica no campo dramático e teatral.

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 294
  • Deseño : Cartoné
  • Dimensións : 25 x 21 cm
  • Data Publicación : 2006-07-05
  • Colección : Biblioteca de teatro. Grandes manuais
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN : 978-84-8288-922-1
  • Edición : 1

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

Xácome o fatalistaDenis Diderot
O can e o gatoManuel Pombo Arias
DemeraraWagner G. Barreira

Vieites, Manuel F.
Manuel Vieites naceu en Lorbé (A Coruña) en 1956.

Licenciado en Filoloxía Xermánica e Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi, desde 1980 ata o 2005, profesor de Ensino Medio, desenrolando as súas funcións docentes no Instituto Politécnico de Vigo, do que foi director desde xullo de 2002. No ano 2005 asumiu a dirección da Escola Superior de Arte Dramático de Vigo.

Entre 1980 e 1992 desenrolou unha intensa actividade como animador teatral, actor e director en diversos proxectos entre os que hai que salientar o Taller de Teatro da Universidade Popular de Corcubión (A Coruña), a posta en marcha da Aula de Teatro da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Pontevedra (1986-1989), a participación na creación dos grupos de teatro infantil Katakrok e Kalandraka, cos que dirixe e actúa en máis de seis espectáculos entre 1988 e 1992, o Teatro de Ningures, compañía coa que dirixe dous espectáculos en 1985 e 1986. Ao mesmo tempo, e de forma continuada, imparte cursos de Pedagoxía teatral, Expresión dramática e Expresión teatral para diversos colectivos, entidades e institucións. Toda esta experiencia é o que lle leva no 2005 a asumir a dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

É membro fundador da Asociación Nacional de Investigadores de Literatura Infantil e Xuvenil, socio da Sociedade Española de Historia da Educación e do Movemento de Renovación Pedagóxica "Nova Escola Galega". Desde 1996 pertence, como teatrólogo, á Asociación de Directores de Escena de España.

Forma parte dos Consellos de Redacción da Revista Galega de Teatro e da revista ADE-Teatro , editada pola Asociación de Directores de Escena de España. Foi director de Ensaio, revista de teatro de Galicia e do Norte de Portugal, dirixe o Anuario Galego de Estudos Teatrais , editado polo Consello da Cultura Galega. Exerceu a crítica teatral e literaria en diversos medios e é colaborador habitual do Faro de Vigo .

O seus intereses no ámbito da investigación teatral céntranse nos campos das políticas culturais, a Pedagoxía teatral ou a Teoría e a historia do teatro.

A partir do ano 2004 participa na edición da Biblioteca de Teatro que Editorial Galaxia pon en marcha, unha colección dirixida aos profesionales e estudosos do teatro ou o público xeral con este tipo de inquedanzas.

Dentro desta colección é autor de: Os estudos superiores de arte dramática, Técnicas de expresión oral. O uso expresivo da voz, O teatro, Análise e interpretación de textos dramáticos. Unha introdución e Introdución á dirección de escena


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR