Escritas cando xa levaba uns anos xubilado da súa cátedra compostelá, as memorias de Ramón Otero Pedrayo reconstrúen con man de mestre os ambientes que o acubillan ao longo da súa vida. O Madrid dos anos de formación xorde destas páxinas mediante a evocación dos personaxes que o habitan, dos lugares e feitos que, atravesando as camadas da Historia, son descritos cunha vívida percepción do descurso do tempo. O senso da duración da experiencia propia e a cultura como elaboración colectiva combínanse nun alento único, o da representación do tempo vivido.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da Historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografia na Universidade de Santiago. Otero Pedrayo foi un escritor que cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e, por suposto, o ensaio. Da súa obra literaria cómpre salientar as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) e O señorito da Reboraina (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario Bocarribeira (1958) e a súa achega ao eido teatral.