Estás aquí:

Grial 239

13,50  IVE INCLUIDO

Perspectivas sobre a lingua

Henrique Monteagudo

O pasado 13 de setembro, a Mesa do Congreso dos Deputados acordou modificar o seu regulamento para recoñecer a diversidade lingüística da cidadanía e incorporala ao seu funcionamento ordinario, oficializando o uso do galego, o catalán e o éuscaro na súa actividade e prevendo os medios para convertelo nunha práctica normalizada. É un avance moi significativo, tanto no plano simbólico coma da visibilidade pública, cara a un Estado que asuma integralmente o pluralismo lingüístico dos pobos que forman parte del e a igualdade de todos os cidadáns falantes das diversas linguas españolas, recoñecidas como tales na propia Constitución. As dereitas opuxéronse a esta medida, mais é de esperar que, como aconteceu no caso doutros avances nos dereitos civís (desde o divorcio ao matrimonio igualitario), co paso do tempo o recoñecemento do galego e das outras linguas se converta nunha realidade irreversible e se estenda con naturalidade a outras institucións do Estado, mesmo a ese baluarte da resistencia á normalización dos idiomas cooficiais que é a Administración da Xustiza.

Os deputados e deputadas galegos de todos os partidos teñen ante si a oportunidade e a responsabilidade de facer uso do dereito e empregar acotío no Parlamento español a lingua do país, contribuíndo a visibilizala ante a cidadanía española monolingüe, o que resulta moi conveniente para formar esta na aceptación do plurilingüismo.

O seguinte desafío para o recoñecemento institucional do galego sitúase un chanzo máis arriba, no marco europeo. O Goberno español presentou ante a Comisión da Unión Europea a solicitude para converter o galego, xunto ao catalán e o éuscaro, en linguas oficiais das institucións da Unión. Estas, nomeadamente o seu Parlamento, teñen unha longa experiencia no funcionamento plurilingüe, mais, ata o presente, a política lingüística da UE vénse fundamentando no emprego oficial unicamente das linguas oficiais dos Estados membros, linguas que neste momento son vinte e catro. Dez destes idiomas teñen menos de sete millóns de falantes, e cinco deles son falados por menos de catro millóns de persoas. O maltés conta con aproximadamente medio millón de falantes, o estoniano con un millón, o letón con dous e o lituano con tres. Tendo en conta estas cifras, resulta dificilmente defendible, tanto deste o punto de vista europeo como desde o dos cidadáns e os cidadás da Unión, que os catalán / valenciano, dous millóns que falamos galego e setecentas mil que falan éuscaro non vexamos recoñecidos os nosos idiomas en paridade cos demais.

Esta situación entra en flagrante contradición cos principios de igualdade e de defensa da diversidade lingüística e cultural que se atopan na cerna dos valores que inspiran a construción europea. Valores estes que, precisamente, son exaltados no Día Europeo das Linguas, que se celebra todos os anos o 26 de setembro. Parece de elemental xustiza que a solicitude do Goberno español, cun percorrido máis ou menos longo, complexo e gradual, remate co recoñecemento do galego como lingua plenamente oficial da Unión Europea.

Entrementres, na nosa revista GRIAL continuamos a prestar unha atención preferente ás distintas cuestións referidas ao galego ou que poidan botar luz sobre a súa situación e o seu futuro. Na sección monográfica deste número, “Perspectivas sobre a lingua”, presentamos catro traballos que estamos certos que serán de interese. Seguindo unha liña constante que vimos mantendo na última década, solicitamos colaboracións sobre aspectos da lingua portuguesa que son relevantes para nós, e que, segundo a preferencia do autor, se publican en galego ou en portugués. Un vello e querido colaborador noso, o profesor Fernando Venâncio, un dos galeguistas lusitanos máis informados e preocupados polo noso idioma (que el considera tamén seu) ofrece un sagaz ensaio sobre a estandarización do portugués ao longo da historia. Venâncio é autor dunha obra, Assim nasceu uma língua onde explica a reivindica a orixe galega do portugués, e que se revelou como un extraordinario suceso de público e crítica, ata o punto de ser merecente dalgúns dos premios máis prestixiosos que se conceden na república veciña. Dado o seu interese, este libro foi traducido ao galego (Así naceu unha lingua, en Editorial Galaxia), deste xeito serve para difundir o coñecemento do galego en Portugal e en Galicia o do portugués.

Outro colaborador benquerido e ilustre, o lingüista brasileiro Marcos Bagno, considera criticamente a problemática da norma culta do portugués brasileiro no contexto dunha sociedade profundamente desigual. Bagno é autor dunha obra extensísima e enormemente difundida no Brasil, en que se alían a vontade divulgativa, o alento científico e o combate ético e político contra o prexuízo lingüístico e a discriminación. O galego está ben presente nas súas inquedanzas e preocupacións, como mostran algúns dos artigos publicados nesta mesma revista. Véxase por exemplo “O português não procede do latim. Uma proposta de classificação das línguas derivadas do galego” (GRIAL 191), ou o espazo que lle dedica ao galego na súa monumental Gramática pedagógica do português brasileiro (2012), con capítulos como “Do galego ao brasileiro. História da nossa língua” ou “Raízes desterradas. Formação do léxico português”. Para quen queira ler só un botón de mostra do seu activismo divulgativo que atinxe ao galego, sabendo situalo no marco das preocupación brasileiras, recomendamos o artigo “O certo, o errado e o galego” (https://parabolablog.com.br/index.php/blogs/analfabetismo-funcional-e-lingua-portuguesa).

No artigo que titulamos “O castrapo reivindicado”, tocamos un interesante fenómeno sociolingüístico, que, ao noso parecer, é moi expresivo da evolución sociolingüística de Galicia nas últimas décadas. A verdade é que os debates sobre o estándar, a atención prestada ás persoas neofalantes e a polémica sobre o reintegracionismo adoito nos fan perder de vista o que pensan os/as falantes tradicionais do galego, sobre todo os máis novos. E se estamos construíndo castelos no aire? Se me preguntasen que significa a palabra castrapo, a miña resposta inicial, coma a da maior parte das persoas da miña idade, sería que castrapo se refire pexorativamente a un mal castelán, inzado de galeguismos, falado por persoas galegofalantes con escasa competencia no idioma do Estado. Este vocábulo deu orixe a unha fértil familia léxica, onde todos os derivados teñen matiz despectivo: os adxectivos castrapeiro e castrapista, o verbo castrapear, o nome castrapada ou o tamén adxectivo acastrapado. Non obstante, en varias investigacións recentes atopouse que os mozos e mozas galegofalantes tenden a denominar a súa propia variedade vernácula (a lingua aprendida na casa e falada no día a día) como castrapo, e fano con orgullo. O rechamante é que este termo da folk-linguistics, ou lingüística popular, non só está mudando o referente do castelán cara ao galego, senón tamén a connotación, de fortemente pexorativa e declaradamente apreciativa. No artigo ponse o foco sobre este sorprendente fenómeno e revísanse as explicacións del que se levan ofrecido para entender cal é a súa significación sociolingüística.

Un asunto que está gañando un interese crecente, tanto no conxunto da sociedade coma nos círculos académicos, é a relación entre lingua e xénero. Non se trata unicamente do debates acerca da linguaxe non sexista ou inclusiva, senón que o prisma de xénero pon ao descuberto fenómenos lingüísticos moi interesantes, que merecen moita maior atención cá que teñen recibido ata o momento. Por que os pais e nais, os avós e as avoas tenden a falarlles máis en castelán ás nenas ca aos nenos? Por que as mulleres tenden a adoptar o castelán e a abandonar o galego en maior proporción ca os homes? Por que en non poucas parellas acontece que o home é máis ben galegofalante e a muller máis ben castelanfalante? Estas son algunhas das preguntas que aborda o artigo de María López Sández, Xaquín Loredo e Gabino S. Vázquez-Grandío que presentamos. Este artigo consiste nunha síntese do estudo Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión, realizado no marco do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega que acaba de saír do prelo.

En definitiva, ofrecemos catro achegas novas, que tratan distintos aspectos da lingua, e que estamos certos que servirán para interesar e ilustrar os nosos lectores e lectoras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 160
Deseño: Rústica
Data Publicación: 23/10/2023
Dimensións 185 x 270 mm.
Colección: Grial
Nº na colección: 239
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 199
Grial 199
12.00€ CON IVE