Estás aquí:

Código: 1331

Grial 229

13,00  IVE INCLUIDO
A conspiración de América contra América
Álex Alonso Grial Parga A chegada e a saída de Donald Trump da Casa branca son momentos centrais na crise da democracia porque sinala a consecuencia máis visible da reacción antipolítica. Máis que os efectos dunha crise económica concreta, a vitoria de Trump supuxo a recuperación dun voto político paradoxalmente antipolítico: serían as emocións máis que a racionalidade idealizada do suxeito liberal as que explicarían un voto reactivo, descontento, indignado, que viu na política tradicional o problema, e nun político antipolítico, como Trump, a solución. Os traballos reunidos neste monográfico buscan contextualizar os discursos e afondar na realidade dos Estados Unidos. Que hai tras a aparente simplicidade da mensaxe trumpista. Como foi posible que este discurso conformase o sentido común dun gran número de votantes? Son algunhas das preguntas que trasladamos aos nosos colaboradores nun número feito ao ritmo urxente da actualidade. Emocións políticas Ramón Máiz sinala un cambio nas emocións ligadas á política. A centralidade do me-do foi desprazada por outras, como o enfado. Estes movementos estarían detrás do réxime emocional que se vive nos EUA e en todos os países onde o “populismo reaccionario” fixou os marcos de competición e os filtros a través dos que se interpreta a acción política. O enfado das clases brancas, particularmente nas zonas rurais máis afectadas polos procesos de deslocalización económica (como se recolle nos libros que Henrique Hervés e Antonio Bernárdez Sobreira recensionan neste número), convive, porén, co medo dos negros e dos latinos, incapaces de percibir o suxeito ético da teoría idealista no Estado. Viven en espazos de facto segregados, teñen un acceso limitado aos dereitos da cidadanía, en parte porque este concepto foise conformando contra eles; e perciben na policía, a institución máis presente e máis temida nas súas vidas, a metonimia do que eles viven como “Estado”. Contra ela realizan unha representación da potencia e dominio do propio corpo, en músicas e vídeos de estética salvaxe, convertida nunha imaxe comercial de efectividade política limitada: unha compensación simbólica a unha carencia e unha marxinación material. Viven no reino do medo, un sentimento que textos emblemáticos dos últimos anos, como Between the world and me, de Ta-nehisi Coates (2015) sitúan no centro da vivencia cotiá, mesmo de negros e latinos aos que “lles foi ben” e puideron participar da súa cota de soño americano. Enfado, ira, medo, unha urda tensa, só aparentemente “prepolítica”, que conforma o “réxime emocional”, que Máiz desenvolve no seu ensaio, axuda a entender a lóxica paradoxal do populismo reaccionario, que está, en gran medida detrás dese discurso: aínda que tenta articular un novo suxeito político popular, definido en termos dun nacionalismo excluínte, ao tempo que afasta o pobo da participación política, recuperando vellos discursos tecnocráticos presentados como gobernos de expertos. O efecto final dese populismo é a separación do pobo da participación política, e a substitución dos mecanismos tradicionais de control e participación, borrados pola vaga antipolítica, por unha comuñón co líder; unha relación afectiva baseada nunha confianza e unha proximidade imaxinaria, pero efectiva: un de nós. Ao tempo, a lexitimación da cultura de expertos e da política, convertida en “xestión”, descualifícaos para esa mesma participación política, así que se pechan a si mesmos as portas da cidadanía e deixan a política “para os que saben”. Ese é un dos eixos discursivos do texto de Máiz: os sistemas simples de dicotomías que organizan dun xeito moi efectivo a retórica do discurso do populismo reaccionario. Un nós necesariamente contraposto ao eles, o que se está a definir non só en termos nacionais, senón, como os traballos aquí recollidos fan evidentes, de raza. Os negros non conforman só a “inner city”, senón, e sobre todo, unha “inner nation”, sen estado de seu, e obrigados a reactivar as loitas polos dereitos civís que xa non se poden dar por descontado. Así, na historia de América —pero non só de América— a vella cidadanía dos propietarios que case conseguira substituírse pola cidadanía dos nacionais, volve ser a cidadanía “dos que a merecen”, e non dos parasitos que viven das food stamps. A análise de Máiz e estudo de Losada axudan a comprender esta lóxica enredada. Ese é o terreo dividido dun réxime emocional, onde a vella representación da política como deliberación e xogo liberal quedou completamente borrado. Velaí os alicerces sociais do trumpismo, que neste número analizan os politólogos galegos José Rama e Fernando Casal Bértoa: canto hai de populismo e canto de dereita afastada na ideoloxía de Donald J. Trump? No seu texto, exploran a orixe do éxito momentáneo (ou non) dunha figura excéntrica e altiva, que puxo do revés os consensos liberais establecidos en boa parte das democracias occidentais desde a Segunda Guerra Mundial. O último estrago foi a ruptura do consenso do perdedor, esa aceptación da derrota e retirada ordenada dos poderes que detiveron durante os anos de mandato. Rama e Casal Bértoa trazan as liñas que unen o republicanismo trumpista coa historia do partido, e dunha representación non pequena do electorado americano que non sempre estivo integrado no Grand Old Party. Do mesmo xeito, unen as estratexias comúns que teñen co populismo radical de dereitas europeo, e como Steve Bannon exerce de consultor global, á vez que alertan dos perigos aínda vivos dun mandato que converteu a estratexia en ideoloxía, e que supón “unha ameaza real á democracia”. Cidade aberta? O esgotamento do multiculturalismo O mesmo día da chegada de Donald J. Trump a Washington, a Casa Branca desactivou a súa páxina en español. Na nova representación do Estado, o inglés volvía ser a lingua única da comunidade, e as páxinas oficiais en español, ou en outras linguas, concesións dos liberais; xogos que ameazaban a cerna nacional, agora xa explicitamente asociada ao monolingüismo en inglés. A chegada de Trump supuxo, por tanto, a fin da utopía multicultural que eles vían —e ven— como unha representación da identidade americana en certo senso puramente imaxinaria: unha imaxe feble que o discurso ideolóxico do trumpismo converteu nun contra-concepto; aquilo é exactamente o que non é América, a América de sempre, a que volve, a que ten que estar primeiro. Contra esa multiculturalidade forxouse o mito da homoxeneidade cultural, que sería traizoada polas elites liberais coas súas políticas migratorias e educativas. Ter unha política migratoria forte, que sexa vixilante das fronteiras, é a primeira peza, que Trump resumiu cun tropo moi mediático: “A construción dun muro”. O segundo paso necesario é o desmantelamento da educación multicultural, que se pode seguir polas declaración de Stephen Miller, o autor material de moitos dos discursos máis polarizantes de Trump, para entender que a nova loita cultural era a loita polo control da educación, xa que era a educación liberal a que traizoara os valores de América. Nesas dúas batallas, que ecoan no Estado español con moita forza e non por casualidade, xogábase a loita pola hexemonía política hoxe en día. A representación interrompeuse e a chegada de Joe Biden supón o retorno do vello aparato de poder demócrata, en todo o sentido da palabra. A súa vitoria, acompañado por unha vicepresidenta cargada de forza simbólica e política, semella que é o resultado dun pacto das elites demócratas cos sectores máis esquerdistas do partido, representados polo senador Bernie Sanders e a Congresista Alexandra Occasio-Cortez, algo que Hillary Clinton non fixo. O trumpismo, porén segue aí, e non só foi quen de sobrevivir, senón mesmo de hexemonizar o que quedaba do partido republicano. Nesta paréntese histórica: cal é a estratexia para fortalecer e mellorar a democracia?

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 164
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm.
Colección: Grial
Nº na colección: 229
Edición: 1ªª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 181
grial181
12.00€ CON IVE