O número 219 de GRIAL céntrase na comunicación, factor fundamental no desenvolvemento de calquera sociedade, e de especial significación nos tempos en que vivimos (a globalización). Abordamos a cuestión dende dúas perspectivas: a académica, recollendo intervencións que se presentaron no último congreso de AGACOM (Asociación Galega de Investigadoras e Investigadores da Comunicación), que se celebrou en novembro do pasado ano en Santiago de Compostela, e dende unha perspectiva máis filosófica, centrada no fenómeno de “posverdade”, fenómeno tóxico que ten unha poderosa repercusión social e que as novas tecnoloxías da comunicación axigantan e aceleran.
O primeiro monográfico, que define a cuberta da revista, está coordinado polos profesores Margarita Ledo Andión, Francisco Campos e Víctor F. Freixanes, tres profesionais da comunicación que veñen reflexionando dende hai tempo nesta materia, coa participación dun equipo variado de especialistas, que abordan cuestións tan de actualidade como a automatización intelixente dos procesos comunicativos (Xosé Lopez e Silvia García-Mirón), a profesión do xornalismo en Galicia (Xosé Rúas Araújo e Ana Isabel Rodríguez Vázquez), o estado actual da investigación galega neste ámbito (Miguel Túñez e Carmen Costa Sánchez), unha experiencia dende a identidade galega cara aos espazos das industrias culturais no mundo (Cristina Pato) a un ensaio sobre a presenza/non presenza das mulleres na chamada “era post-“ (Eire G. Cid).
A interesantísima conversa que Fernando Redondo Neira sostén cunha das grades autoridades na socioloxía da comunicación nestes momentos: o sociólogo francés Armand Mattelart, serve de ponte para achegármonos ao segundo grupo de traballos monográficos centrados na posverdade (Carme Adán, Francisco Castro e Sara Torreiro).
Completan este número de GRIAL, ademais das seccións xa coñecidas (Creación, Espello das Letras, Crónica) un traballo sobre a cosmovisión dos mestres do grupo Nós (Victorino Pérez Prieto) case que nas vésperas do centenario (1920-2020), un traballo de Xulio Ríos sobre a presenza de expertos extranxeiros na China con referencia especial ao galego Pepe Castedo, e outro ensaio sobre a obra gráfica de Luís Seoane na cartelería e publicacións periódicas (Carlos L. Bernárdez).