Un conxunto de especialistas, coordinados polo profesor Carlos Fernández, abordan distintos aspectos dunha cuestión candente que GRIAL non pretende esgotar, mais abrir ao debate.
Carlos Amoedo, profesor de dereito da Universidade da Coruña; María D. Garza e Manuel Varela, catedráticos de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e Daniel Fernández, licenciado en Filosofía e master en xestión cultural pola universidade Carlos III de Madrid, especialista en novas tecnoloxías da comunicación, tratan o valor do común dende diferentes perspectivas.
Complétase o monográfico cunha entrevista realizada por Amador Fernández-Savater a Antonio Lafuente (Granada, 1953), doutor en Ciencias Físicas e autor, entre outros traballos, de "El carnaval de la tecnocracia". Nesta conversa, editada anteriormente nas páxinas do xornal Público, o profesor aborda aspectos tan variados como a significación das novas tecnoloxías, a significación da propiedade e da autoridade na sociedade da globalización, o sector público e o patrimonio común fronte aos valores e intereses do sector privado, o conflito do neoliberalismo nos modelos sociais de desenvolvemento, etc.
No número 189 de GRIAL incluimos tamén a primeira parte dun excelente traballo biográfico sobre a figura de Santiago Montero Díaz, realizado polo historiador Núñez Seixas, así como o ensaio-conferencia que o profesor Giussepe Tavani pronunciou na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, sobre a figura e a obra do poeta medieval Martín Codax. Giussepe Tavani é unha das grandes figuras mundiais especialista en literatura medieval, autor de obras de referencia como "Poesía lírica galego-portuguesa" (Galaxia, 1986).
Outrosí, continuamos coas achegas á cuestión do pluralismo cultural e as estratexias do idioma, con especial atención ao ámbito portugués, africano e brasileiro, a familia románica onde se inserta o galego, con traballos do historiador Ramón Villares sobre "Gilberto Freyre, intérprete do Brasil" e Raúl Calane da Silva, "Língua e Literatura em Mozambique. Evolución e integraçao". Na sección Temas do Noso Tempo, o filólogo indio Anik Nandi, escribe especialmente para GRIAL "A problemática do multilingüismo na India".