Estás aquí:

Código: 1291

Grial 188

12,00  IVE INCLUIDO
Xohana Torres. A dona dos mapas
Despedimos a don Paco

Cadra este número de GRIAL co falecemento de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), don Paco, como todos o coñeciamos, mesmo na Galicia de alén mar, coa que tanta relación tivo. Cofundador da nosa revista xunto con Ramón Piñeiro. Director de honra da mesma, xunto con Xaime Isla Couto.

Na Carta do Editor, Víctor F. Freixanes fai unha semblanza da personalidade do intelectual galeguista, e no Rego da Cultura damos conta dalgúns dos actos que se desenvolveron arredor do seu pasamento.

Fernández del Riego foi animador, xestor, motor fundamental na concepción, consolidación e desenvolvemento de Editorial Galaxia (1950), e sen dúbida ningunha unha das figuras claves do discurso cultural e galeguista do pasado século. Aínda que GRIAL preparará un número ou Caderno especificamente dedicado a Del Riego, nesta edición da revista despedimos con sentimento, admiración e gratitude un dos nosos alicerces.

O número de GRIAL que agora presentamos vai decidado a outra figura fundamental das nosas letras, que afortunadamente segue entre nós. Xohana Torres. Dolores Vilavedra, que coordinou o monográfico composto basicamente por voces femininas, presenta deste xeito a personalidade poliédrica e extraordinariamente suxerente da nosa autora:

"Cúmprense trinta anos da publicación do poemario Estacións ao mar, que consagrou a súa autora como unha voz senlleira no noso devalar lírico, e no vindeiro 2011 faranse corenta da aparición daquela novela, singular por tantas cousas, que era -e aínda é- Adiós María. En recoñecemento das orixinais achegas de Xohana Torres ao discurso literario galego, o Consello da Cultura Galega celebrou unha xornada de análise da produción da escritora baixo a denominación "Xohana Torres, a dona dos mapas". Organizada pola Comisión de Igualdade e coordinada por Ana Romaní, xornalista e escritora, e Helena González, profesora da Universidade de Barcelona e integrante do Centre Dona i Literatura, as intervencións articularon novas propostas interpretativas das diferentes liñas creativas desenvoltas pola escritora. Decidimos acoller nun bloque monográfico da nosa revista algunhas das propostas críticas que se desenvolveron nesa xornada e que foron para esta ocasión revisadas polas súas autoras.
No primeiro artigo deste monográfico desvélanse algunas novidades respecto á traxectoria narrativa de Xohana Torres que nola amosan como una escritora cun "perfil autorial nada ventureiro e entregada intensamente á escrita de ficción", en palabras de Helena González. Pola súa banda, Olga Novo estuda a multidimensionalidade da paisaxe poética da autora, de xinea romántica e visionaria pero desenvolta na súa complexidade sémica a partir de sofisticados procesos de ideoloxización. Así, se a poesía da primeira etapa atende á representación sígnica da natureza galega entendida como valencia identitaria na que se mesturan o estético e o ideolóxico, este segundo aspecto irá gañando protagonismo ao longo da súa produción para evoluír ata callar na fusión dos vectores de tempo e lugar coa creación dun cronotopo da viaxe.
Iolanda Ogando revisa o corpus teatral da autora para matizar ou corrixir algúns lugares comúns que circulan sobre a cuestión, e para propor una valoración máis equlilibrada e desapaixonada da súa achega á literatura dramática galega. Finalmente, Montse Pena debulla a fundamental contribución da autora ao desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil dos 70, como tradutora e como creadora. As súas achegas pioneiras a un campo literario daquela incipiente permitiron anovalo por medio da subversión dos roles sexoxenéricos convencionais que nese tipo de literatura adoitaban empregarse.
Por último, só nos resta agradecer ao Consello da Cultura, a María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade desta institución, e a Mariam Mariño, técnica da mesma, as facilidades que nos deron para prolongar nas páxinas de GRIAL esta homenaxe a Xohana Torres, a dona dos mapas".

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 140
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm. mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Eventos relacionados con este libro

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 193
193
12.00€ CON IVE