Dos arquivos do trasno publicouse no ano 1926.
Desde aquela data, o libro non cesou de medrar na consideración dos lectores e da crítica. Con el, a arte do conto acada modernidade para amosar as pegadas do imaxinario galego cunha brillantez inusitada. Un mundo narrativo no que o misterioso e o extraordinario se mestura de xeito indisoluble co popular e cotián. A obra literaria de Dieste fai lostregar a realidade cunha luz que atrae e engaiola.
Rafael Dieste Gonçalves (Rianxo, 1889 – Santiago de Compostela, 1981) é autor de obras de narrativa, teatro e ensaio e pertence á chamada xeración das vangardas, que deu un novo impulso ás artes galegas. Os seus contos, recollidos boa parte deles en Dos arquivos do trasno, e as súas obras de teatro como A fiestra valdeira supoñen un esforzo importante por modernizar a literatura galega. En ambos xéneros destacou como un dos talentos máis decisivos para a evolución das letras galegas do século XX.