Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, O Courel, 1930-Santiago de Compostela, 1999). Realizou estudos en Lugo e Madrid, nesta última cidade na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Complutense. Iniciado no galeguismo nacionalista da man de figuras como Carlos Maside, Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro, entre os anos 1962 e 1966 vai residir a Madrid, traballando na radio e na televisión, converténdose nun gran divulgador da poesía galega e universal. Relacionado así mesmo co grupo Brais Pinto e participante nas tertulias do café Gijón, Uxío Novoneyra proxectou sobre o Madrid artístico e cultural unha notable presenza literaria e humana.
Retornado ao Courel no ano 1966 e afincado definitivamente en Santiago de Compostela desde o ano 1983, exerceu a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ata a súa morte, e desenvolveu unha importante actividade como recitador de poesía, tarefa en que foi un consumado mestre. Considerado un clásico vivo desde a súa mocidade por lectores e crítica, faleceu no outono de 1999 en Santiago de Compostela.
Entre as súas obras, cómpre salientar Os eidos (1955), Os eidos 2 (1974), Muller pra lonxe (1987) e Do Courel a Compostela: 1956-86 (1988).
En 2010 é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.