Ilustracións DIEGO ESTEBO
Edición XESÚS DOMÍNGUEZ DONO
En 1924 saíu da pluma de Manuel García Barros o conto satírico “O fútbol en Malpocados”, premiado pola Sociedade Económica de Santiago, no certame literario celebrado polas festas do Apóstolo, posiblemente o primeiro escrito documentado sobre temática balompédica na literatura galega. Posteriormente escribiu “Crónica futbolística. Un partido en Pernafría” (publicados nos seus Contiños da Terra).
Dous contos onde a retranca e o fino humor do autor quedan de manifesto ante as “modernidades” deste deporte que se ía implantando en Galicia, e que tivo especial relevancia na súa parroquia de adopción, Callobre.

Mestre e labrego que naceu en 1876 en Berres (A Estrada) e morreu en 1972 en Callobre (A Estrada). Realizou estudos de Maxisterio. Foi fundador e director do xornal El Estradense (1906). Asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticaciquís. Debido ás súas ideas galeguistas e progresistas, tivo problemas coa xustiza, chegando a ser encarcerado en varias ocasións, coincidindo na prisión de Pontevedra con Fernández del Riego en 1955.
Da súa creación destacan a obra teatral Carta da Habana, estreada en 1926, Contiños da Terra (1931) e a novela As Aventuras de Alberte Quiñói, que rematou de escribir en 1942 e só vería a luz postumamente. Tamén a colección de relatos inéditos Enredos e a miscelánea autobiográfica Dos meus recordos foron publicados logo da súa morte. Desde 1957 o escritor estradense foi correspondente da Real Academia Galega.