Preséntase en Vigo Antonio Fraguas. Mestre da memoria

Categoría: Nova
Este xoves, ás 19:30h, estaremos na Casa Galega da Cultura de Vigo para asistir á presentación de Antonio Fraguas. Mestre da memoria, a biografía do homenaxeado nas Letras Galegas 2019 que asina a profesora e editora Malores Villanueva. Acompañándoa estarán o crítico literario Ramón Nicolás; Antón Vidal Andión, presidente da Editorial Galaxia; e Abel Caballero, alcalde de Vigo.
Profesor, etnógrafo, xeógrafo, historiador e galeguista. Antonio Fraguas descóbrese nesta biografía como un notario da realidade, un coñecedor do seu pobo e un investigador incansable da cultura de Galicia. O seu paso polo Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista asentanron nel o ideario político, mais sen dúbida, tal e como se descubre nestas páxinas, foron as súas raíces de estirpe labrega as que máis o marcaron.
Malores Villanueva (A Xesteira, Cotobade, 1982) achéganos nesta biografía a vida e a obra de Antonio Fraguas cun estilo áxil nun relato ateigado de anécdotas, pero que tampouco renuncia ao rigor documental. A súa lectura é unha viaxe polo século XX da man do persoeiro homenaxeado nas Letras Galegas 2019: o seu labor investigador, a súa entrega á docencia, as súas facetas de primeiro locutor de radio ou de director do Museo do Pobo Galego, mesmo a súa incursión cinematográfica son algunhas das liñas vitais que se trazan neste libro.
Antonio Fraguas. Mestre da memoria é o retrato de quen coa súa palabra e obra traballou “sempre por e para Galicia”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email