O martes 3 de febreiro, celebrarase, ás 19:30 h, na Casa Galega da Cultura, en Vigo, unha presentación arredor de Xaime Isla Couto. Entre o “Galiza ceibe” e o “Venceremos nós”, de Marcelino Agís Villaverde.
Intervirán no acto Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Silvestre Gómez Xurxo, presidente de SEPT e padroeiro da Fundación Penzol; Abel Caballero, alcalde do Concello de Vigo; Rocío Carolo Tosar, presidenta do Foro Galicia Milenio, e Marcelino Agís Villaverde, autor do libro, padroeiro das fundacións Penzol e Isla Couto.
A editorial SEPT e a Fundación Isla Couto, coeditoras do libro, coa colaboración da Fundación Penzol, presentan Xaime Isla Couto: entre o Galiza Ceibe e o Venceremos Nós. Os feitos acaecidos na Misa de Rosalía 1969, da autoría de Marcelino Agís Villaverde, obra que aborda capítulos do galeguismo que aínda non se escribiran, como os feitos acaecidos na misa en lem- branza de Rosalía de Castro, celebrada en San Domingos de Bonaval en 1969, acto relixioso e poético que se viña celebrando desde 1932. Mais o de 1969 marcaría un feito diferencial pola detención e procesamento de Xaime Isla Couto, respectado avogado, profesor na Escola de Enxeñeiros Técnicos de Vigo e intelectual galeguista vinculado ao proxecto cultural e político que se chamou Editorial Galaxia.
O éxito de Xaime Isla no proceso xudicial foi tamén un triunfo do galeguismo na longa noite de pedra do franquismo, como se conta neste libro.