O mércores 5 de xullo, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, a presentación de Un taxi verde e un concerto, de Tuco Cerviño.
Acompañando o autor, estarán Ricardo Gurriarán, historiador, e Suso de Toro, escritor.
Publicado na colección Memoria, por este intenso relato transita a biografía da familia, que se remonta ata o século XIX, con historias de masóns, republicanos, socialistas, galeguistas, conservadores, falanxistas, peronistas; desterros, cadea, exilio, depuracións, tribunais franquistas, emigración, viaxes, revolucións. A Guerra Civil e as súas consecuencias. Profesoras de universidade e mulleres sachando, canteiros e labregos, mestres, médicos e avogados. E tamén o mundo rural de Cotobade, o Instituto e a adolescencia na Pontevedra dos cincuenta, a Compostela dos sesenta, a universidade e as persoas e organizacións do conflito do 68.
“Toda a miña vida está aquí, entre a viaxe co tío Coca, que me levou a Raxó nun taxi verde, e o concerto de Voces Ceibes na Aula Magna de Medicina en abril de 1968. O que vén logo é un simple agromar, enfiado polo traballo e as oportunidades, as aproveitadas e as desbotadas”.
Tuco Cerviño (Pontevedra, 1945), estudou o bacharelato no Instituto de Pontevedra e Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Nefrólogo pola Universidade Autónoma de Madrid, fixo o MIR no Hospital Clínica Puerta de Hierro. Exerceu a especialidade nos hospitais universitarios de Santiago de Compostela e A Coruña. Foi xerente deste último e do Gregorio Marañón de Madrid. É académico correspondente da RAG.
Activo na política dende a universidade, foi militante da JEC (Juventud Estudiante Católica), fundador da ADEG (Asociación Democrática de Estudantes Galegos) e destacado dirixente estudantil. Na transición militou na esquerda nacionalista. Membro do PSdeG-PSOE dende 1993, foi deputado no Parlamento de Galicia durante catro lexislaturas e concelleiro de Oleiros entre 1995 e 2003.