O día 25 de xuño, ás 19 h, celebrarase, a través dun directo en Instagram, a presentación de Prana Apana, de Patricia Rivas Gallego. Acompañando á autora, coordinará a presentación Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
Podedes acompañarnos ese día, accedendo á presentación, no noso perfil de Instagram:
www.instagram.com/galaxiaeditorial/
Prana Apana é un proxecto que, nun contexto onde a cultura é visual, busca mostrar unha poesía da intimidade comunicándose a través dunha linguaxe de imaxes e palabras.
Patricia Rivas Gallego naceu en Vigo en 1976, ten estudos de Filoloxía Galega e é educadora social. Impartiu obradoiros de animación á lectura e creación literaria. Xunto con Felipe Sánchez, creou no ano 2000 o grupo C@ntacontos, de música e narración oral. Colaborou en diferentes revistas, como HGT, Saludterapia, Vinos y Caminos…, e exposicións de fotopoesía co Colectivo e Mezzo (Metropol’areo) e individuais (#poetógrafa). É membro do grupo Sinerxias, co que fai improvisación poética. Este é o seu primeiro traballo na Editorial Galaxia.