O mércores 6 de abril, celebrarase, ás 19:30 h, na Nova Biblioteca de Nigrán, a presentación de O bosque do duque, de Francisco Fernández Davila.
Acompañando o autor, estarán Juan A. González, alcalde de Nigrán, e Tati Mancebo, directora Comercial de Editorial Galaxia.
Fran Fernández Davila retorna cunha novela de aventuras e fantasía ambientada na cidade de ‘s-Hertogenbosch, que nace da maxia das experiencias vividas alí polo autor. Unha novela, publicada na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, para todas as idades e influída por historias como Momo e Os Goonies, unha chiscadela ás infancias dos anos oitenta.
Sabine é unha rapaza galega dos Países Baixos que bota de menos Galicia, sobre todo as súas avoas. Todo comeza o día do seu décimo aniversario cando recibe un agasallo misterioso que lle abre as portas dunha grande aventura. Axudada polos seus amigos Wilko, Jeroen e Anja, Sabine loitará non só pola súa identidade, senón tamén pola vida, cun conxunto de fortalezas que non sabía que tiña dentro.
Unha lectura chea de maxia e fantasía.