Presentación de “Illote P, Barraca 16”, en Redondela

Categoría: Nova

O xoves 23 de decembro, celebrarase, ás 19 h, na sala de exposicións do Multiusos de Redondela, a presentación do libro Illote P, Barraca 16, de Santiago Rodríguez Salinas.
No acto estarán o actor Tatán Cunha, fillo do autor do libro, Raúl Francés, a escritora e xornalista Montse Fajardo, o actor Roberto Leal, e Tati Mancebo, directora Comercial de Editorial Galaxia.
O acto contará coa interpretación musical da cantante Uxía.
A Editorial Galaxia publica, na colección Memoria Histórica, Illote P, Barraca 16, de Santiago Rodíguez Salinas, o diario dun refuxiado español que tivo que exiliarse en Francia. Con esta colección, a editorial quere dar continuidade ao seu longo compromiso coa liberdade e defensa da democracia.
Baixo esta serie, publicamos títulos que afondan naqueles feitos que quedaron cubertos co manto da ditadura, tras décadas de silencio e falta de rigor ou xustiza histórica.
Tras a finalización da Guerra Civil española, miles de refuxiados tiveron que pasar polo purgatorio dos campos de concentración franceses. Neste libro, un deses exiliados forzosos, achéganos á vida neses campos de concentración, onde a súa longa estadía lle permitiu coñecer e vivir intensa e extensamente os feitos que se narran, todos reais, que afectaron a medio millón de españois, e que amosa o grande espírito de acomodación e de improvisación dun pobo que soubo sobrepoñerse á traxedia e, con estoicismo, moitas veces heroico, resolver con inventiva e graza, innatas, situacións difíciles, convertendo en cómico o que doutro xeito puido ser tráxico.
Esta obra é un relato sobre a vida dos exiliados españois nos campos de concentración franceses, unha homenaxe á súa memoria; un berro a prol da liberdade e a xustiza.
Santiago Rodríguez Salinas (Madrid, 1917 – Redondela, 1985). Estudou na Escola de Artes e Oficios de Madrid e ingresou na Fronte do Exército Popular, co que participu nas batallas de Teruel e do Ebro. Na primeira quincena de febreiro de 1939 pasou a Francia e entrou nos campos de concentración. Ao seu regreso a España foi ingresado nun campo de concentración en Reus, nun batallón disciplinario, e durante dous anos e medios estivo nos de Punta Carnero (Alxeciras) e Cerro Muriano (Córdoba), para logo realizar seis meses de servizo militar obrigatorio en Canarias.
Á súa finalización instalouse en Redondela coa súa nai, Antonia Rodríguez Salinas, profesora republicana que foi represaliada, e que coidou do seu compañeiro, Alberto Marín Alcalde, preso na illa de San Simón.

Comparte nas túas redes sociais ou por email