O martes 28 de febreiro, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Lila de Lilith, en Santiago de Compostela, a presentación de Feminismo en cen palabras, de Luca Chao.
Acompañando a autora, estarán a escritora Marilar Aleixandre, María Obelleiro, escritora e xornalista, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
A Editorial Galaxia suma un novo título á colección Feminismos coa obra da Doutora en Ciencias Sociais e do Comportamento, Luca Chao, Feminismo en cen palabras; un convite a pensar o mundo que nos rodea e a maneira que temos de nomealo.
Estamos diante dunha obra que, dun xeito didáctico e ameno, presenta, en 100 termos, a esencia do pensamento feminista. Todo o que calquera persoa queira saber sobre calquera palabra que forme parte da actualidade feminista, nesta obra vai atopalo.
Cada vez que se pretende ridiculizar ou banalizar as demandas do feminismo, cada vez que se negan as violencias machistas, cada vez que se cuestionan os recursos que se destinan a prol da igualdade, cada ocasión na que se repite que a igualdade xa existe, ou se facilitan altofalantes a este tipo de mensaxes como se de opinións válidas se tratara, fertilízase o terreo da desigualdade e das inxustizas; afirma a autora nunha declaración de intención, ao inicio da obra.
Luca Chao, escribe este libro dende o convencemento feminista, dende o punto de partida de que todas as persoas somos iguais. Nesta proposta, que esta semana chegará a todas as librarías de Galicia, a autora achega un corpus teórico esencial, que facilita a comprensión de certos conceptos básicos da teoría feminista. Esta tamén é unha invitación a ir máis alá, unha porta aberta ao debate.
Luca Chao (Lugo, 1988) é licenciada en Ciencias Políticas, especialista en Migracións Internacionais e doutora en Ciencias Sociais e do Comportamento cunha tese sobre a Lei da Memoria Histórica e a participación política dos descendentes do exilio republicano español.
Na X lexislatura do Parlamento de Galicia foi deputada e voceira do seu grupo parlamentario. Traballou como investigadora e docente, nas Universidades da Coruña e Santiago, e colaborou en numerosos proxectos de investigación centrados en cuestións vinculadas coa participación política, as migracións internacionais e o xénero.
Actualmente exerce labores de consultaría para o sector público e colabora con medios como Nós Diario e Público.