Presentación da novela gráfica “Memorias dun neno labrego”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O martes 6 de febreiro, celebrarase, ás 19:30 h, no salón da Fundación Abanca, en Santiago de Compostela, a presentación da novela gráfica Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, adaptado por Iria Aldegunde, organizada polo Ateneo de Santiago.

Acompañando a ilustradora, estarán Pilar Sampedro (Ateneo de Santiago); e Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas.

Colabora a libraría Couceiro.

Publicada na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas está debuxada con sentimento e bo pulso narrativo. 

Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre.

Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica. 

Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.

Nesta novela gráfica atoparedes moitas desas respostas.

XOSÉ NEIRA VILAS (Gres, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e A Habana. Da súa extensa e variada obra literaria, cómpre salientar “Memorias dun neno labrego” (1961), das novelas galegas máis reeditadas e traducidas.

IRIA ALDEGUNDE (Santiago de Compostela, 2000). Historietista, compaxinou os estudos de Filoloxía Inglesa xunto coa súa formación en banda deseñada na escola profesional O Garaxe Hermético. Participou nos libros colectivos “Florencio” (2022) e “Gaspariño XXI” (2023).

Comparte nas túas redes sociais ou por email