“Poeta en Nova York”, de Federico García Lorca, xa en galego

Categoría: Nova

Celebrando o 80 aniversario da súa publicación, na Editorial Galaxia publicamos, en galego,  a obra poética cume de Federico García Lorca: Poeta en Nova York.
O traballo de tradución de Suso Díaz fai que poidamos desfrutar desta xoia poética na nosa lingua e achegarnos a este texto hipnótico. Trátase dun libro que lle serviu a Lorca para explicar que os negros poden ser xitanos andaluces, e que o blues é flamenco, que todas as persoas senten igual en calquera lugar do mundo e que debaixo do asfalto de Manhattan latexa unha vida extraordinaria e marabillosa.
Ler a Federico García Lorca sempre é un pracer e facelo, na nosa lingua, todavía é mellor.
Federico Garcia Lorca (Fuente Vaqueros, 1898-Víznar, 1936). Poeta e dramaturgo, tras pasar a súa infancia no rural granadino, estudou na Universidade de Granada, para logo trasladarse a Madrid, á Residencia de Estudantes, onde entrou en contacto con compañeiros de xeración, coñecida como “do 27”, e o ambiente das Vangardas, cultivando a música, o debuxo, o teatro e a poesía. A súa obra poética e dramática caracterízase por amosar unha linguaxe moi persoal onde asimila elementos e formas populares combinados con audaces metáforas, personificacións, símbolos e imaxes que configuran a súa orixinalidade literaria. Foi asasinado polos fascistas no comezo da Guerra Civil en 1936.

Comparte nas túas redes sociais ou por email