Paula Carballeira gaña o Premio Follas Novas na categoría de Teatro

Categoría: Uncategorized

Paula Carballeira gañou na tarde do sábado 22 de abril, véspera do Día do Libro, o Premio Follas Novas na categoría Teatro pola súa obra “As alumnas”, publicada na colección Teatro de Editorial Galaxia.

Esta obra, que foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva, reflicte o que significou o franquismo para a educación en xeral, pero sobre todo para a das mulleres.

Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.

Estes galardóns entréganse como parte dun evento cultural de carácter anual que ten por finalidade distiguir as mellores obra e iniciativas literarias de cada ano (sempre a ano vencido). Os convocadores son a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email