O pasado venres, ás 20:30h, o auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal acollía a entrega do I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. No acto participaron a gañadora, Patricia Mallo, e os membros do xurado que escolleu Os Fantom como a primeira novela en ser distinguida co galardón: a escritora e académica Fina Casalderrey, a investigadora e profesora da USC Blanca Ana Roig Rechou, e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro. Entre o público, atopábanse tamén representantes das distintas entidades convocantes: Genoveva Hermo, concelleira de Cultura, e Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra; así como numerosos membro da A. C. Barbantia, incluído o seu presidente, Manuel Cartea.
O I Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, nacido neste mesmo ano ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da LIX galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017, e cuxa lembranza foi o motivo principal da xornada do pasado venres. Ao mesmo tempo, o premio supón unha clara aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo, unha das maiores inquedanzas de Mosteiro.
Patricia Mallo recibiu no acto un talón por valor de 1.500 euros e Os Fantom verá a luz na colección Árbore de Galaxia o vindeiro outono.