Estamos, sen dúbida, diante dunha das mellores novelas de Jordi Sierra i Fabra, segundo palabras do seu autor e de cantos puideron ler esta novela. Unha historia sobre a liberdade e o poder das palabras para cambiar o mundo.
Nun país dominado por líderes que non deixan pensar, no medio dun cárcere perdido no medio da nada máis baleira, mergullado nunha realidade abafante que anula a personalidade en nome da “patria”, o protagonista desta historia, responsable da vixilancia dun vello profesor e poeta detido por “disidente”, comprobará como o seu mundo se derruba por dentro ao descubrir a forza indestrutible do amor. E que quen ama, é libre de verdade.
Jordi Sierra i Fabra (Barcelona, 1947) é un dos autores españois máis prolíficos e recoñecidos internacionalmente. Autor de máis de douscentos libros e traducido a máis de vinte linguas. Entre as súas obras máis populares destacan Historia de la música pop, El joven Lennon, El tiempo del olvido, Nun lugar chamado Guerra e Durmido sobre os espellos. En 2006 e 2010 foi candidato ao premio Hans Christian Andersen, representando a España. En 2011 entrou no padroado do Instituto Cervantes. A lista dos seus premios é interminable: Ateneo de Sevilla, Gran Angular, Vaixell de Vapor, Abril, Edebé, Cervantes Chico… En 2007 gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido polo Ministerio de Cultura, coa súa obra Kafka y la muñeca viajera, publicado en galego por Galaxia, como agora este que o público galego poderá gozar dende xa!