Escoller onde buscar

O sono das sereas: a nova e premiada novela de Xosé A. Neira Cruz

Categoría: Nova

Chega estes días ás librarías O sono das sereas, a novela curta coa que o escritor Xosé A. Neira Cruz obtivo o Premio Repsol o pasado outubro. Nesta undécima edición, o premio de narrativa breve organizado pola Fundación Repsol en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e publicado por Editorial Galaxia outorgouse a unha novela da que o xurado salientou o “desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da novela de dirixirse a un público moi amplo”.
Á beira do areal de Traba, na Costa da Morte, unha igrexa garda un segredo insospeitado e terrible. Á sombra del, ao longo de séculos de silencio e infortunio, as mulleres dunha mesma familia padeceron a condena de seren mortas en vida. As habitantes da Casa do Sono: eis o nome polo que a súa morada é coñecida en toda a contorna. A historia que se agocha detrás dese lugar é un tabú que selou bocas e soldou medos ao longo de xeracións.
A novela gañadora do Premio Repsol 2017 ten o seu centro narrativo nunha aldea habitada por “labregos que viven a carón do mar”, segundo declarou Neira Cruz nunha entrevista logo da concesión do premio. Nesa localidade, varias mulleres de distintas xeracións dunha mesma familia experimentan unha serie de situacións sen explicación aparente polas que ninguén pregunta, xa que os veciños intúen un gran misterio como a súa causa. Han ser tres persoas de fóra as que, a través das súas preguntas e as respostas que obteñen, comecen a tirar do fío do misterio. Son eses tres personaxes os que actúan como narradores de O sono das sereas: as súas voces vanse sucedendo ao longo da novela.
 
Xosé A. Neira Cruz é xornalista, escritor e profesor na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalismo e en Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación e en Filoloxía Italiana. Autor de máis de trinta obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (en 1988 e 2000); o Barco de Vapor (en 1997 e 1999); o Raíña Lupa da Deputación da Coruña (2002); o Premio Lazarillo da OEPLI (2004); o Fiz Vergara Vilariño de poesía, do Concello de Sarria (2007); o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnich (en 2005 e 2009); o Premio ao mellor libro estranxeiro publicado no Brasil en 2008, da Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil (FNLIJ); e os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro, da Axencia Galega das Industrias Cuturais AGADIC (en 2008, 2009 e 2010).

Comparte nas túas redes sociais ou por email