O debuxante Xaquín Marín gaña o Premio Rosalía de Castro

Categoría: Nova

A Deputación da Coruña acaba de outorgarlle a Marín o Premio Rosalía de Castro, no apartado de persoas que destacan na promoción da lingua galega.

O xurado salienta o seu gran compromiso co idioma, continuado do tempo, considerándoo merecedor do galardón “polo alcance social do seu traballo e por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista”. Valórase o seu labor artístico e intelectual “pola defensa da lingua que comporta implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual”.

Cun estilo inconfundible, o artista defendeu a libertade e a lingua galega nos anos finais da ditadura a través da súa obra, contribuíndo activamente a iniciativas artísticas posteriores como a resposta crítica á crise do Prestige, promovendo a exposición “Humor Cru” ou participando no álbum de cómic H2Oil (2003).

Desde o inicio da súa carreira, Xaquín Marín ten compaxinado ilustración, BD e un inxente labor como cartelista e humorista gráfico. É un dos autores máis clásicos das viñetas galegas, mais a súa obra destaca por ser versátil e poliédrica. Na súa longa traxectoria puido colaborar cunha infinitude de publicacións, sendo o artície das ilustracións da edición conmemorativa dos 50 anos de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.

Na Editorial Galaxia publicamos o seu mítico Tonecho, nun álbum que leva por nome o mesmo título. Editado na colección Novela Gráfica do noso catálogo, este libro é para ler e rir con vagar, cargado de retranca, sabedoría e moita crítica. Nesta edición, recuperamos  a colección completa de Tonechos.

Que Xaquín Marín é un dos artistas máis importantes do noso tempo é algo que ninguén discute, considerado, en palabras de Félix Caballero, como “o humorista gráfico galego máis relevante desde Castelao”.

Home comprometido, políticamente entregado á causa galega e á defensa dos dereitos humanos, Caballero estudou a súa figura no libro X. Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego. Trátase dunha achega a unha biografía de artista que agocha moitas dimensións. Un traballo inmenso para un artista inmenso.

Comparte nas túas redes sociais ou por email