“Eu son… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”
Así é como comeza Memorias dun neno labrego, un dos clásicos da narrativa galega contemporánea, autoría de Xosé Neira Vilas, que xa vendeu máis de 70.000 exemplares desde a súa primeira publicación.
O autor plasmou neste libro o sentir de Balbino, un rapaz de aldea que emprega o seu caderno para contar o que lle acontece e o que sente. Enmarcado nun tempo caracterizado pola emigración e a miseria, este título é moito máis ca un libro, é unha obra que conta a Galicia do século XX e a realidade de multitude de persoas que se senten identificadas con Balbino e coa súa historia.
O noso pequeno protagonista conta, a través da súa visión particular, a realidade dunha Galicia azoutada pola fame, o traballo escravo e a emigración. Verbas que trasladan aos lectores á realidade dunha época dende os ollos dun neno que ten o peto cheo de soños.
A obra foi traducida, recentemente, ao inglés, da man da editorial Small Stations Press.
Baixo o título de Memoirs of a Village Boy, en tradución de John Rutherford, profesor da Universidade de Oxford e fundador do primeiro Centro de Estudos Galegos no Reino Unido; este clásico universal, que é un dos libros máis lidos e traducidos da historia literaria galega, atopa unha nova xanela no exterior, achegando a historia do pobo galego a todo o mundo.
Xosé Neira Vilas é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace este libro.