Malia os seus máis de 80 anos emigrado en Cataluña, Basilio Losada foi un dos mellores embaixadores da nosa cultura polo mundo. Natural de Láncara, foi o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Barcelona. Sempre tivo a Galicia no seu corazón, pois como dixo nunha entrevista: “Saín de Galicia con 5 anos pero soñaba con este país; nunca vin imaxe máis bela que a vista desde o meu cuarto de Láncara”,
Promotor e defensor da nosa lingua e da nosa literatura non só en Cataluña senón tamén en toda Latinoamérica, académico de honra da Real Academia Galega e tradutor dalgúns dos nosas maiores poetas e narradores, Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Xohana Torres ou Cunqueiro; Basilio Losada foi quen de tender unha longa e firme ponte que nos comunicou con outras culturas, unha ponte que partía da xanela do cuarto daquel cativo de Láncara. Sempre tivo a porta aberta do seu despacho aos moitos galegos que recalaban en Barcelona, sempre agarimoso e desinteresado nos seus consellos.
A editorial Galaxia quere mostrar o seu fondo pesar polo pasamento de Basilio Losada, da estirpe dos galegos bos e xenerosos.
Fotografía: ©Distrito Xermar para a fototeca da AELG