Material sobre

Na casa da avoa

Ferramentas para ler, profundar, reflexionar, imaxinar, escribir.

Ola.

Son Marta Dacosta Alonso, a autora de Na casa da avoa e o primeiro que quero facer é darche as grazas. Grazas por ler na nosa lingua, grazas por ousar ler un libro de poesía.

O que tes aquí son algunhas suxestións para afondar na lectura do libro e para provocar en ti dous desexos: o de seguir a ler poesía e o de escribila.

Non cho preguntarei. Sei que a poesía che gusta. Só precisas saber que non hai fórmulas matemáticas para lela. Que estás no reino da suxestión. Que todo o que o poema che suxira é o que verdadeiramente significa. Si, o poema quere dicir o que ti estás a ler nel. Porque, unha vez que o poema foi escrito, xa non lle pertence á autora, perténceche a ti, lectora ou lector, que tes o dereito absoluto de interpretalo e gozalo a partir dos teus propios sentimentos e da túa experiencia vital.

Ás veces non chegamos a un significado que poidamos concretar, mais gústanos lelo, sobre todo en voz alta, como cando cantamos unha canción nunha lingua incomprensíbel mais que nos namora coa súa melodía. É porque o poema ten ritmo e o ritmo move o noso corazón.

Así que, agora que temos claro que compartimos esta aventura de ler, comecemos internarnos entre os versos.

Material para descarga

Outros materiais que poderían interesarche