María Xosé Queizán recibe hoxe o Premio da Cultura Galega

Categoría: Nova

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) é unha das grandes voces deste país. Como escritora, como activista, como docente e como unha das figuras máis relevantes do movemento feminista.
Debutou en narrativa na Editorial Galaxia, na colección Illa Nova creada para os novos valores, onde publicou A orella no buraco (1965) e onde compartiu espazo con outros textos do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Máis recentemente veu a luz neste selo A boneca de Blanco Amorunha novela onde a historia e a ciencia se mesturan coa literatura, o ensaio coa ficción, a realidade coa fantasía, a orixe do relato co seu final.
O seu carácter emprendedor e o seu amor polo teatro levárona a desempeñar varios papeis a cargo de diversas organizacións, como directora da asociación feminista Feministas Independentes Galegas, directora da galería de arte Roizara de Vigo, vicepresidenta do Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo e directora e organizadora do I encontro de Mujeres Poetas Peninsulares y de las Islas (1996).
Como escritora cultivou todos os xéneros e estilos. Dela son ensaios feministas que tratan temas tan controvertidos como a colonización sexual das mulleres, o cuestionamento da maternidade biolóxica e a reflexión sobre a escrita non androcéntrica.
Unha muller que hoxe é recoñecida co Premio da Cultura Galega, merecido por toda unha vida ao servizo do país e das causas xustas, aquelas que constrúen mundos mellores, máis libres.
Parabéns María Xosé!

Comparte nas túas redes sociais ou por email