Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras Españolas 2024

Categoría: Nova

Manuel Rivas é galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas 2024.

O xurado destacou ao autor pola “extraordinaria calidade narrativa que conxuga forza emocional e beleza formal e pola solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso forte coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial”.

Ademais, o xurado salienta que a súa obra “acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultura, e cara á igualdade de xénero. Manuel Rivas, cunha voz poderosa e singular, crea literatura e, con ela, volve a situar a escritura galega no olimpo das Letras Nacionais”.

O premio, concedido polo Ministerio de Cultura, está dotado con 50.000 euros. Distingue o conxunto do labor literario, en calquera das linguas españolas, dun autor español ou autora española, cuxa obra estea considerada como parte integrante do conxunto da literatura española actual. 

Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un dos escritores máis destacados no actual panorama das letras galegas. Dende 2009 é membro da Real Academia Galega. É autor dunha obra literaria que abrangue títulos como os poemarios Libro do Antroido (1981), Balada nas praias do oeste (1985), Mohicana (1986), Ningún cisne (1989), Costa da Morte blues (1995), O pobo da noite (1997) e as obras narrativas Un millón de vacas (1989), Os comedores de patacas (1991), En salvaxe compaña (1994), Que me queres, amor? (Editorial Galaxia, 1995), Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester, reeditado en 2020 na mesma editorial, dentro da colección Xohán Ledo, ilustrado por Diego Estebo; O lapis do carpinteiro (1998) e Os libros arden mal (2006).

Rivas é tamén un dos representantes máis salientables do xornalismo galego de hoxe. Colaborador habitual do diario El País, dirixiu a revista Luzes de Galiza e ten recollido grande parte dos seus artigos xornalísticos en libros como Galicia, el bonsai atlántico (1990), Toxos e flores (1993), Muller no baño (2002) e Os Grouchos (2008). En 2009 recibiu o Premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego por un artigo sobre Ramón Piñeiro; en 2011 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email