Letras Galegas 2018: a festa de María Victoria Moreno!

Categoría: Nova

No 17 de maio de 2018, celebramos a vida e a obra de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), quen chegou a Galicia en 1963 tras conseguir unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra. A súa identificación co noso país foi tan intensa que de seguida aprendeu galego e converteuno na súa lingua, tamén de creación.
Boa parte da súa obra son contos e novelas dedicados ao público infantil e xuvenil, eido onde destacou especialmente grazas a títulos como A festa no faiado (1983), Leonardo e os fontaneiros (1986) ou ¿E haberá tirón de orellas? (1997). A súa novela para o público xuvenil Anagnórise (1988) obtivo un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño (1999) recibiu unha mención especial White Ravens no 2002. A súa preocupación pola difusión da lingua entre os máis novos levouna a colaborar na redacción de libros de texto e a codirixir a carón de David Otero e Antonio García Teijeiro a colección Árbore da Editorial Galaxia dedicada ao libro infantil.
Galaxia comezaba o ano María Victoria Moreno por todo o alto lanzando tres producións teatrais para todos os públicos: dende o clásico infantil Leonardo e os fontaneiros, nunha adaptación a cargo de Ubú Teatro, ; ata a reformulación escénica de Limiar Teatro arredor de Anagnórise. Montaxes que percorreron centros, salas, teatros e auditorios de todo país visitando preto de 70 localidades.
Ademais de reeditar toda a súa obra aparecida no noso catálogo, entre a que se inclúe Onde o aire non era brisa, publicada orixinalmente en castelán en 1969 e traducida ao galego por Xavier Senín no 2009, neste ano 2018 chegou tamén ás librarías A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida unha completa biografía da profesora e crítica Montse Pena Presas, un volume onde todas as facetas da intensa vida da autora se combinan a ollos do lector coma nun calidoscopio. Outra novidade editorial, en colaboración co Consorcio de Santiago, foi a publicación de É a lúa que baila… un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas galegos de Federico García Lorca, quen coma ela escolleu a nosa lingua como canle creativa nun momento determinado. A recuperación deste estudo vén ademais compañada dun limiar do profesor, académico e expresidente da RAG Xesús Alonso Montero.
En definitiva, un ano o 2018, no que quixemos que todas e todos vos sumásedes á festa de María Victoria Moreno!

Comparte nas túas redes sociais ou por email