Inaugúrase o ano Antonio Fraguas

Categoría: Nova

O pasado domingo, o Concello de Cerdedo-Cotobade, lugar de nacemento de Antonio Fraguas, inaugurou o ano de homenaxes dedicado ao autor con motivo do próximo Día das Letras Galegas 2019, nun acto que contou coa colaboración da RAG, a Fundación Fraguas, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. A este arranque do ano Fraguas, que tivo lugar na casa natal do fillo predilecto de Cotobade, na parroquia de Loureiro, acudiron tamén o presidente de Galaxia, Antón Vidal, e o seu director xeral, Francisco Castro.
E é que neste 2019, Galaxia fornecerá o seu catálogo con algunhas das obras claves do etnólogo. Así, a partir do próximo mes de febreiro e ata maio, comezarán a chegar ás librarías reedicións do Cancioneiro de Cotobade, un compendio de artigos sobre o Concello, o volume O tempo e os astros, o estudo sobre O santuario da Franqueira ou o clásico Romarías e santuarios.
Á recuperación da obra de Fraguas haberá que engadir ademais dúas biografías que axudarán a divulgar a súa figura e a coñecer máis de preto a súa vida e obra. Dous libros, un para público adulto e outro infantil, que asinarán Malores Villanueva e Xosé A. Neira Cruz, respectivamente.
Estade atentos a todo o que vén neste 2019!

Comparte nas túas redes sociais ou por email