Inaugúrase a exposición As caras dos libros

Categoría: Nova

Dende o 31 de xaneiro pode verse na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo a exposición As caras dos libros. Unha viaxe polo deseño das cubertas na obra de Carlos Casares e na colección Árbore, un proxecto que nos enche de orgullo e do que somos entidade colaboradora a carón da UVigo, a Fundación Carlos Casares e a Xunta de Galicia.
Esta exposición que permanecerá aberta ata o vindeiro 28 de febreiro fai un repaso polas cubertas da ampla e significativa obra de Carlos Casares, autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2017, e tamén polos deseños da primeira década de vida da colección de literatura infantil e xuvenil Árbore, promovida polo propio Casares e pilotada por María Victoria Moreno (Letras Galegas 2018), David Otero e Antonio García Teijeiro.
Ademais de fixarse no traballo gráfico e de deseño, esta mostra permite tamén explorar o contexto histórico da LIX  durante a década de 1980, parello á implantación do galego no ensino; e tamén descubrir curiosidades sobre as cubertas dos libros, ou sobre as súas partes, internas e externas, de cara a comprender mellor a súa feitura.
A mostras, comisariada por Gustavo A. Garrido García e Miguel Valverde Juncal, conta ademais cunha guía didáctica para o traballo nas aulas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email