Publicado na colección Literaria, chega ao catálogo da editorial Sábeme a salamántiga o ceo da boca, XXXV Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega 2023, de César Cequeliños.
Ano 1905. A estraña parella composta por Ícaro Añón, mozo xornalista afincado en Lisboa, e Madame Dax, especialista estadounidense do oculto, encaran un misterio que enfronta o visible coas enerxías invisibles. Serán quen de entender que está azoutando con tal violencia a próspera cidade de Vigo?
Nesta novela cómica de aventuras de ambientación histórica, o xurado do Premio Torrente Ballester destacou “a riqueza e axilidade dos seus diálogos, así como o elemento fantástico, que encaixa á perfección na trama”.
César Cequelinhos (Arbo, 1977). Editor, xornalista e crítico literario. Publicou A gran novela galega (2023) e é coautor de varios libros infantís, como Atlas da Galicia pequeniña, Historia da Galicia pequeniña, As Letras da Galicia pequeniña, Historia visual do RC Celta, Animais míticos do Camiño de Santiago e Un día de festa en… Allariz.
Dirixe a editorial Aira e edita desde 2014 a revista dixital Biosbardia.