Galaxia publica o reconto da traxectoria vital de Paco del Riego

Categoría: Nova

O río do tempo. Unha historia vivida, publicado na colección Biblioteca Fernández del Riego, é un dos títulos que engrosa o catálogo dedicado ao homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Este libro, fundamental na produción de Don Paco, é un exercicio memorialista, unha volta á experiencia do pasado, sen renunciar ao porvir.

En palabras do autor: “pasados xa os setenta e sete anos de idade, paréceme agora ocasión axeitada para facer un reconto dos aconteceres da época galega que me tocou vivir”.

A través destas páxinas, o autor de Lourenzá, busca a recuperación dun tempo vivido, dun tempo anceiado. Expón unha traxectoria vital, o decurso completo dunha existencia, a de alguén que fixo o que pensaba que debía facer, con prudencia e xenerosidade.

Con esta publicación, Editorial Galaxia festexa e reivindica un loitador incansable, unha figura fundamental na nosa cultura.

Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) foi unha das personalidades de referencia na historia do galeguismo e da cultura galega do século XX. Secretario xeral das Mocidades Galeguistas durante a República, foi un dos fundadores de Editorial Galaxia, da que foi director xerente, e director, xunto a Ramón Piñeiro, da revista Grial nos seus primeiros cen números.

Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa con obras como Escolma de poesía galega: os contemporáneos (1955), abranguendo xéneros como a crítica literaria, Manual de historia da literatura galega (1971), a novela, O cego de Pumardedón (1992), e as memorias, A xeración Galaxia (1996), O río do tempo (1991), Camiño andado (2003), ademais de gran cantidade de artigos en prensa. Presidiu a Real Academia Galega (1997-2001) e foi director da Fundación Penzol desde a súa creación (1963-2009).

Comparte nas túas redes sociais ou por email