A Editorial Galaxia publica, na colección “Lectura Fácil”, o libro Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez. Trátase dunha obra que conta con pictogramas para achegar a todas e todos o labor cultural do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022. Con esta iniciativa, a Editorial Galaxia continúa co seu labor comprometido cunha idea da cultura integradora que chegue a todo o mundo. Logo da publicación de “20.000 leguas baixo dos mares” en Lectura Fácil, publicamos esta novo título, en pictogramas.
Esta obra, que contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é unha aposta da editorial para que todo o mundo poida ler e nutrirse de grandes obras. Os pictogramas axúdannos a entender as historias e os poemas. Neste caso, a vida de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, que este ano é o protagonista na celebración das nosas letras.
Nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego.
En 1933 ingresou no Partido Galeguista e, tras o comezo da Guerra Civil, logrou escapar a Portugal, despois a Francia e, por último, a Barcelona. Ao rematar a Guerra Civil, marchou ao exilio a México.
Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.
Foi unha persoa moi concienciada coa cultura galega, sendo un dos fundadores da revista “Vieiros”. Cando volveu a Galicia, foi nomeado membro da Real Academia Galega.
A través deste libro, sinxelo e moi ilustrativo, todas as persoas poderán coñecer mellor a figura do escritor e, sobre todo, comprender a súa vida. Esta é unha aposta a favor da diversidade e igualdade de oportunidades para todas e todos, que busca achegar a cultura a toda a sociedade.